Ata o de agóra realizáronse 7 campañas de intervención arqueolóxica, tanto de escavación como de consolidación, no Castro Sarridal, financiadas polo Concello de Cedeira e pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Estas campañas, dirixidas por Emilio Ramil (AXA Arqueoloxia), deron moi bos resultados tanto dende o punto de vista da conservación dos elementos arquitectónicos, como dende o punto de vista da investigación histórica do noroeste peninsular.

Actualmente, as intervencións continuan realizándose todos os anos. O Concello de Cedeira está a apostar pola conservación e protección do seu patrimonio histórico e cultural, o que está a dar como resultado na Punta Sarridal, un enclave espectacular, que combina natureza e historia, convertíndose nun punto de referencia tanto para o turismo, como para a xente da vila.



1º Campaña

No verán de 2017 realizáronse cinco sondaxes arqueolóxicas para comprobar o estado de conservación do Castro Sarridal. Distribuíronse intentando abarcar suficiente territorio e colocáronse nas zonas mais “prometedoras”.

Das cinco catas de 2×2 metros realizadas, dous delas deron resultados estructurais. Puido constatarse a pervivencia de estructuras arquitectónicas, así como avanzar na investigación sobre o desenrolo do castro, avanzando unha primeira datación xenérica, realizada a través dos fragmentos cerámicos atopados, así como polo tipo de estructura.

Dados os bos resultados da cata nº2, decídese ampliar a zona de escavación a 26 metros cadrados. Exhúmanse tres muros dunha posible habitación, un muro do intervalum e parte da Muralla interior.


2º Campaña

Na segunda campaña de intervención arqueolóxica decidiuse realizar unha escavación en área na cata ampliada durante a 1º campaña.

Foi nesta segunda intervención na que chegouse á conclusión de que a estructura que se estaba a desenterrar, era un “Monumento con Forno”. Sacouse á luz gran parte da estructura: escavóuse a cámara chegando ata o enlousado do chan, a antecámara, o forno e, parcialmente, a zona de alimentación. Delimitouse o ancho da estrutura e desenterráronse dous muros exteriores.


3º Campaña

Na terceira campaña arqueolóxica sacouse á luz a práctica totalidade do monumento. Vaciouse a antecámara ata chegar ao enlousado, vaciouse o forno e escavouse e vaciouse a zona de alimentación. Escavouse o empedrado exterior que leva ó monumento. Especial mención requiren o achádego dun cóitelo de bronce e una peza de muíño integrada no empedrado, seguramente reutilizada coma base de poste.


4º Campaña

Na cuarta intervención arqueolóxica no Castro Sarridal, escaváronse as entradas tanto á zona de alimentación como á antecámara. Escavóuse o paso da antecámara á cámara. Polo exterior descubriuse una canalización externa e parte dun muro dunha estructura que semella circular.

Ó mesmo tempo levouse a cabo a consolidación e restauración dos elementos mais débiles da estructura arquitectónica. Púxose especial atención no arco de paso da antecámara á cámara, ao banco situado na antecámara e ao forno.


5º Campaña

Na campaña do ano 2019 complétase a escavación entre o paramento interior da Muralla e os paramentos exteriores da Sauna Castrexa.


Exhúmase parte do Bastión norte da muralla interior, un Torreón interior, o empedrado exterior entre muralla e sauna, o muro de separación entre a zona defensiva e o acceso á Sauna castrexa a modo de paso interior, así como parte dun muro que parte do Torreón interior e vai facendo curva en paralelo ao muro que pecha a Zona de Alimentación do Forno, separándose 1 m. deste, e creando un espacio exterior de paso entre a Sauna e a Muralla.


6º Campaña

A escavación en área dunha superficie de 100 m2, , localizouse en dúas zonas próximas:


A)Zona 1, Sector Sauna, a continuación do empedrado de acceso á Antecámara da Sauna Castrexa, dende a actual pista de acceso.

B) Zona 2, Sector Muralla, co obxectivo de recuperar completamente o Bastión esquerdo(mirando dende o interior do recinto habitacional) parcialmente exhumado na anterior campaña, que define a porta de acceso orixinal tanto á Sauna Castrexa como o recinto ocupacional, así como o paramento exterior da Muralla interior do Campo do Castro.

Exhúmase no Sector da Sauna Castrexa o empedrado castrexo, parte do empedrado da primeira fase de ocupación no Campo do Castro, Fase II da Cultura Castrexa, parte do enlousado exterior de acceso ao Monumento, parte de tres muros rotos polo extremo sur polo paramento externo do muro norte da Zona de Alimentación, e polo extremo norte continuan baixo o perfil norte da escavación. No Sector da Muralla exhúmase o empedrado de acceso ao interior do primeiro recinto habitacional e á Sauna Castrexa, o enlousado localizado no vano da porta de acceso ao recinto habitacional, o bastión da muralla de forma semicircular, que continúa como elemento defensivo unido aos paramentos interior i exterior da propia estructura defensiva, os muros norte e sur do Torreón exterior así como o recheo interior, o paramento exterior da Muralla (o paramento interior xa estaba exhumado, coñecendo desta forma o ancho da Muralla, 4,60 mts.) ao que se adosa o Torreón exterior, e dous muros dunha construcción post-castrexa e galaico-romana, probablemente da etapa suévica galega.


7º Campaña

Tratouse da escavación en área de 103 m2 para continuar ampliando a exhumación do empedrado de acceso á Sauna Castrexa, dende a actual pista de acceso, así como as estructuras detectadas baixo o perfil oeste da escavación, así como a ampliación e a recuperación das estruturas defensivas, a continuación do paramento exterior da Muralla interior e a escavación do foxo interior en paralelo á Muralla. Polo tanto, a campaña centrouse en dous sectores; Sector Sauna Castrexa e Sector Muralla.

De cara os resultados acadados, no sector da Sauna recuperáronse varias estructuras relacionadas con tres momentos culturais; tardorromano, galaico-romano e castrexo. No nivel tardorromano exhumouse parcialmente un empedrado entre o paramento exterior sur do contraforte, o paramento exterior leste da construcción e o perfil sur da escavación, continuando baixo éste, construido con pedras de mediano
tamaño. No nivel castrexo, así mesmo, recuperouse un posíbel alxibe ou silo que, consideramos, ó situarse próximo á canle e á Sauna, tiña unha función de recollida de auga da choiva para uso do tanque da Cámara.

No Sector Muralla, pola súa banda, escavouse o nivel castrexo, definido pola exhumación de varias estruturas defensivas. É o caso do Torreón oval, que se adosa ó paramento exterior da Muralla pola súa cara norte e do cal se recuperaron ata 6 rebancos de cimentación. Recuperáronse tamén un murete de reforzo, parcialmente un muro con vano dunha construcción que transcorre baixo o camiño de acceso ó Sarridal e parte do foxo.


Consolidación e Restauración

O proceso de consolidación e restauración levouse a cabo sempre que se sacaron á luz estruturas murarias. Ata o de agora este proceso realizouse na sauna castrexa, na muralla defensiva, no torreón interior e no torreón exterior e nos muros atopados pertencentes a estruturas aínda non clasificadas.

A consolidación consiste na colocación de novas fiadas de pedra nas estructuras murarias, utilizando a propia pedra caida da estrutura. Para facela ponse unha marca de material moderno, un anaco de ladrillo por exemplo, e, a partir de ahí, comezan a levantarse novas fiadas ligadas cunha argamasa consistente en cal, area e auga, un método non agresivo que permite revertir o proceso de ser necesario.

Isto faise para protexer o xacemento das inclemencias do tempo e de posibles agresións externas.


Materiais Arqueolóxicos

O material arqueolóxico foi moi abundante durante todo a proceso de sucesivas escavacións. O material mais habitual foi a cerámica.

A cerámica é un material arqueolóxico moi común, dado o seu uso durante un periodo de tempo moi amplo, pervivindo a día de hoxe. Esta pervivencia de uso, xunto coa evolución que tivo a metodoloxía de traballo, permite aos arqueólogos situar nun periodo histórico un elemento arqueolóxico ou un estrato de terra determinado. Axuda a establecer a cronoloxía de uso dos xacementos e o uso que se lle daba a cada espacio.

Outro dos materiais mais abundantes foron os líticos. Neste caso os cantos rolados, utilizados para xerar vapor na sauna, e que apareceron de xeito moi numeroso tanto dentro da sauna castrexa coma o seu redor.

Ademais de clavos de ferro, tégula ou materais modernos, cabe mencionar de xeito especial unha moeda romana de Vibia Sabina, esposa de Adriano, que data do século II d.C. e un coitelo de bronce.