
O Castelo da Concepción é un dos grandes atractivos turísticos da Punta Sarridal
Situado sobre o porto pesqueiro, atópase nunha situación privilexiada para ver a ría de Cedeira e a súa contorna mais próxima. No seu interior alberga un Centro de Interpretación, que conta con información tanto sobre o propio castelo, coma sobre o Castro Sarridal.
Historia
Existen catro fases ben diferenciadas na historia do Castelo da Concepción:
- A construcción, uso e alteración do espazo.
- A utilización como terras de traballo e cortes de gando.
- O abandono posterior, ata a década de 1.990.
- A recuperación da estructura e a súa utilización como enclave histórico, albergando un centro de interpretación no seu interior na actualidade.
Foi construido no ano 1.747 a raíz dun ataque inglés á Ría de Cedeira. Foron os propios veciños da zona os que axudaron a levantalo grazas os 9.000 reais procedentes da coroa, pola necesidade dunha maior fortaleza defensiva.
No primeiro momento da súa utilización tivo funcionando 45 cañóns. Arquitectónicamente defínese por ter tres frentes abertos ao mar, cara a ría, con troneiras para cañóns. Ademais, está estructurado en dúas explanadas a distinto nivel, acomodándose ao terreo.
As dependencias domésticas e administrativas sitúanse no nivel superior, adosadas ao muro de peche cara á terra, onde se sitúa a única entrada ao interior do castelo.
Esta composto por dous elementos defensivos, as súas murallas e un profundo foxo.
Os muros están realizados en mamposto ordinario, de pedra mediana e miuda, e cunha ligazón de cal e area para os muros superiores, e terra para os inferiores. Todos eles foron recubertos con pasteado de cal e area de cor blanca, agás un polvorín, recuberto de cor vermello.
Posteriormente, como consecuencia do seu abandono como fortaleza defensiva, desapareceu o enlousado orixinal que servía de piso. Antes da súa recuperación, foi utilizado como escombreira.
Na década de 1.990 levóuse a cabo unha reconstrucción integral, así como a rehabilitación do castelo, mediante un proxecto de Escola-Obradoiro.
Intervención Arqueolóxica
No proxecto de restauración e rehabilitación do castelo, realizouse previamente unha intervención arqueolóxica para investigar e recoller datos sobre este enclave. Decidiuse abrir dúas sondaxes de 4×4 metros, 16 metros cadrados, lindando con dous muros para asegurar o coñecemento sobre a cimentación da construcción.
A sondaxe A situóuse no recinto inferior e a sondaxe B no recinto superior.
Sondaxe A: Non se atopou ningún piso nin pavimento, pero si puido testemuñarse o traballo de preparación para a colocación das lousas, xunto cunha capa de nivelación inferior, para preparar o terreo. Descubriuse a cimentación, deixando á vista unha banqueta que facía gañar anchura ao muro na súa base, e, posteriormente, a un nivel mais profundo, unha segunda banqueta.
Sondaxe B: Igual que na anterior sondaxe, atopouse unha capa de pedra e grava que servía de preparación ao pavimento, sen embargo, descubriuse a un nivel mais profundo, unha segunda capa de preparación. A cimentación deixou a vista un cambio na mamposteria, con pedra mais grande colocada a oso.
Actualidade
Na actualidade o Castelo da Concepción alberga un Centro de Interpretación sobre a historia da Punta Sarridal e da vila de Cedeira.
Nel os visitantes poden observar a riqueza do Castro Sarridal, recuperada ó longo das campañas arqueolóxicas realizadas. Están expostas as pezas e materais mais representativos dos distintos periodos de ocupación que tivo este enclave. Ademais pode verse de xeito ilustrado como era o elemento arquitectónico mais emblemático do Castro, o Monumento con Forno, no seu momento de uso. Os visitantes poden optar por un sistema de audioguias para coñecer mais sobre a historia do xacemento histórico e da vila en xeral.
Pódese optar tamén por realizar visitas guiadas dentro do proxecto Xeoparque poñéndose en contacto coa oficina de turismo do Concello de Cedeira.